14 feb 2007

"Dragona"


Na narrativa galega actual, Xavier Queipo é un dos autores que máis gravitan sobre o eixo Investigación + Desenvolvemento + Innovación Literaria.
En Dragona, Queipo presenta una novela de personaxes. Nunha cidade sumidoiro, cualificada polo autor como a cidade do esteiro, desenvólvese a vida dunha serie de personaxes atípicas cegadas dos catro cantos do mundo, que transitan entre a desesperación e a lubricidade, entre o comportamento fútil e as paixóns máis primarias.
Dragona é unha novela con banda sonora e recreación no terreo se cadra máis inexplorado da narrativa galega, aquel que analiza con precisión de ciruxán os sentimentos e as paixóns coma se fosen tecidos dun corpo único. Esta novela marca, para o autor, un antes e un despois na súa procura constante do que non se ve, deses lindeiros da incerteza aos que Cortázar chamaba o outro lado. Dragona é unha parábola do futuro que ven, que está aí e que xa chega.
Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957) é licenciado en Bioloxía e Medicina e Ciruxía. Desde 1989 vive e traballa en Bruxelas. Como escritor publicou Ártico e outros mares (1990), que acadou o Premio da Crítica Española; Ringside (1993), Diarios dun nómada (1993); Contornos (1995) ; O paso do noroeste (1996), que gañou o Premio García Barros; Mundiños (1997); Manual de Instrucións (1999); Malaria sentimental (1999); Papaventos (2001); Nos dominios de Leviatán (2001); O ladrón de esperma (2001), galardoado co Premio Café Dublín de narrativa; Os ciclos do bambú (2003); Glosarios (2004), e no ámbito infantil publicou O espello e o dragón (2004). Xavier Queipo colabora de xeito regular no portal Vieiros, na revista Grial e no semanario A nosa terra.
[Edita: XERAIS]
[CRÓNICA da presentación do libro en Dadó-Dadá, en BRÉTEMAS]

No hay comentarios:

Publicar un comentario

* CDL admite comentarios anónimos siempre que NO incluyan insultos ni difamaciones.
* CDL admite comentarios anónimos sempre que NON inclúan insultos nin difamacións.